Excelencias,
Donas e Cabaleiros,
Georg Friedrich Händel, ou George Frederic Handel, como el
mesmo deu en se chamar logo de nacionalizarse como
Englishman, é un dos máis grandes compositores. O seu
contemporáneo Johann Sebastian Bach -naceron no mesmo ano,
1685- disque dixo unha vez que, de non ter sido un Bach, a
única outra persoa que lle gostaría ter sido sería Händel.
Beethoven chamouno “unerreichte Meister aller Meister”
(“incomparable mestre entre tódolos mestres”), e disque
Haydn se emocionou ata as lágrimas escoitando o coro de
Hallelujah.
Ao igual que Beethoven, Mozart visitou A Haia sendo moi
novo, e fixo arranxos de traballos de Händel como os
oratorios O Mesías, Alexander's Feast e a ópera Acis e
Galatea. Desta maneira mantivo vivo o legado artístico do
compositor nun tempo no que a música de compositores
defuntos non se tocaba a cotío. Por exemplo, a Paixón
segundo San Mateo foi ignorada por un período moito máis
longo, ata que foi resucitada polo xoven Felix Mendelssohn.
A música de Händel nunca estivo ausente nos últimos 250
anos. Certo é que as súas numerosas óperas tiveron que
agardar un chisco máis antes de seren rescatadas, pero
dende o comezo do século XX e certamente a partir da
aparición do movemento pola interpretación histórica teñen
sido escenificadas regularmente.
Cousa rara, Händel nunca foi tan popular nos Países Baixos
como o seu contemporáneo Bach. Supoño que isto ten que ver
coa ópera. Nos Países Baixos, en comparación con outros
países europeos, nunca houbo unha tradición operística
especialmente forte. Logo da súa visita á Haia en 1722,
Voltaire concluíu que “nous avons ici un ópera détestable”.
Vaia, polo menos na Haia había unha ópera...
Os grandes oratorios de Händel, a excepción do Mesías,
tampouco disfrutaron de tanta popularidade nos Países
Baixos como a Paixón segundo San Xoán tivo no século
pasado. É unha lástima, pois os oratorios, tanto como as
súas óperas, conteñen non só fermosas arias senón tamén
coros destacadamente impresionantes. Ao contrario do que
cabe agardar dun oratorio, estes son tamén moitas veces
dunha natureza increíblemente dramática.
Quero dar a miña cálida benvida a esta iniciativa do Ano
Händel na Haia. Non só porque son un gran entusiasta da súa
música (a miña ópera favorita é Amadigi di Gaula, unha obra
crepitante de paixón e excitación, chea de música
marabillosa). Existen tódalas razóns para remarcar o 250
aniversario da morte de Händel, e dun xeito especial na
Haia.
Do mesmo xeito que os seus famosos irmáns creativos Mozart
e Beethoven, Händel tamén visitou a nosa cidade en varias
ocasións, a miúdo de paso nalgunha das súas viaxes. Estivo
nos Países Baixos por última vez en 1750. Nesa ocasión non
só tocou o órgano da Groote Kerk (Igrexa Grande) de
Haarlem, senón tamén o órgano da igrexa na que agora nos
atopamos nós mesmos. Hai unha crónica disto no xornal 's
Gravenhaegse Courant do 4 de decembro de 1750. Segundo a
publicación, atopábanse asistindo a este concerto na Nieuwe
Kerk (Igrexa Nova) “moitos embaixadores estranxeiros e
outras importantes persoas de ambos xéneros”, así coma
“toda a corte” (“meeste buytenlandse Gezanten en andere
voornaeme Personen van de beyde Sexen” e “het geheele
Hof”).
A presenza dos últimos non é sorprendente tendo en conta
que Händel mantivo con toda probabilidade o contacto ao
longo de toda a súa vida coa súa antigua alumna, a princesa
Anna de Hannover, dona Willem IV. No tempo da visita de
Händel, Willem levaba tres anos exercendo o cargo de
Stadhouder, e a parella acababa de se mudar de Friesland á
Haia.
Anna, a princesa “musical”, que naceu hai 300 anos e morreu
hai 250, desenrolou un papel moi enérxico en apoio da vida
musical na Haia. Nos anos anteriores esta tivo unha
existencia bastante pobre, como Voltaire descubriu. Tivo
que ser, por tanto, inevitable que Anna e a súa comitiva
acudisen á Nieuwe Kerk a escoitar ao seu vello profesor de
música. É posible tamén que o levase ao Pazo het Loo, onde
viña de ser instalado un novo órgano.
As visitas de Händel á nosa cidade e a súa conexión con
Anna de Hannover non son as únicas razóns para designar
2009 como o Ano Händel da Haia. A principal forza impulsora
da Fundación Händel 2009 é o Departamento de Música Antiga
do Conservatorio Real, dirixido por Johannes Boer.
Iniciado por Frans Brüggen, o Departamento de Música Antiga
e Interpretación Histórica acadou nos últimos corenta anos
unha indiscutible fama mundial. Se nun principio eran os
nomes dos mestres os que atraían aos estudantes (non só
Frans Brüggen, senón por suposto músicos coma Sigiswald,
Wieland e Barthold Kuijken ou Jaap ter Linden, por nombrar
só uns poucos), hoxe o nome do Conservatorio Real da Haia é
de seu un sinónimo de educación do máis alto nivel en
música antiga. A Haia é a Meca da música antiga. Isto é
algo do que podemos estar ben orgullosos!
A “escola holandesa” de música antiga é coñecida por unha
interpretación expresiva e individual, cunha frecuente
paixón aventureira pola experimentación, no referente a
aplicar os coñecementos históricos ás novas
interpretacións. Moito repertorio foi literalmente
arrincado da obscuridade, limpo de polvo e re-estreado por
estudiantes e antigos estudiantes da Haia, como se a música
fora escrita onte. Non como pezas de museo, senón cheas de
vida.
A Haia é de certo unha cidade internacional neste sentido:
os arredor de 200 alumnos activos do departamento de Música
Antiga veñen de 35 países diferentes. Unha vez completados
os seus estudios volven ao panorama musical internacional,
levando consigo os coñecementos e a experiencia que
adquiriron.
Son estes músicos os que vostedes van escoitar, non só hoxe
senón tamén máis adiante neste ano Händel. Por exemplo o 24
de abril, cando 75 deles interpretarán o himno This is the
day which the Lord hath made (“Este é o día que o Señor
fixo”). Handel escribiu esta peza para a voda de Anna e
Willem. Algo máis adiante estará a producción da súa ópera
temperá Agrippina, tamén a cargo de estudantes do
Conservatorio Real e a New Opera Academy.
O programa completo do Ano Händel da Haia, con
contribucións dos mellores músicos nacionais e
estranxeiros, é demasiado longo para ser anunciado aquí.
Non só se interpretará música de Händel, tamén doutros
compositores, incluíndo os de hoxe en día. Pola miña parte,
certamentemente tratarei de estar presente en tantos destes
eventos como me sexa posible. Tamén espero sinceramente que
moita xente, tanto da Haia como de fóra, celebren este Ano
Händel connosco. O seu xenio musical pode inspirar e mover
multitudes, incluso logo de dous séculos e medio.
Estou convencido de que máis dun visitante aos vindeiros
concertos de Händel terá a mesma experiencia descrita nas
liñas finais da Oda a Santa Cecilia de Händel:
But bright Cecilia raised the wonder higher: (Pero a
brillante Cecilia fixo un miragre maior:
When to her organ vocal breath was given cando ao seu
órgano se lle engadiu a voz
An angel heard, and straight appeared- un anxo escoitou, e
apareceuse ó instante,
Mistaking earth for heaven. confundindo a terra co ceo.)
E coa “voz” que agora cederei ao órgano, declaro o Ano
Internacional de Händel da Haia 2009 oficialmente
inaugurado!
(Aquí segue o Hallelujah do Mesías de Händel no órgano
grande).